- Redenasa.tv
Chévere estrea este Venres 22 de Febreiro, o seu novo traballo para o 2013, un panfleto teatral
sobre a crise da Eurozona. Un auténtico pastiche no que se mesturan as
referencias directas a Reservoir Dogs (a mítica primeira pelicula de
Tarantino), á linguaxe da publicidade, aos casinos online, aos bailes de
salón e ao argot económico que asulaga as nosas vidas. Eurozone é unha
produción ambiciosa para tempos de crise, unha obra coral con 8 actores e
actrices en escena. Un traballo de creación colectiva que se foi
artellando desde cero ao longo de dous meses de ensaios. Un proceso que
estivo aberto a calquera persoa curiosa a través de Redenasa, onde permanecen visibles os diarios de todo o equipo.Eurozone é unha farsa sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. Eurozone alimentouse da nosa perplexidade como cidadáns, da nosa impotencia, da nosa carraxe. Algo que queremos compartir, por iso saimos a escena cada noite.
Eurozone é un achegamento ao gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Queremos establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro. Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século. E imaxinemos que, contra todo pronóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xentiña e a metemos nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan, unha cidade da cultura, unha cidade das artes ou simplemente un casino sen inaugurar... E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa soedade utilizando contra eles a nosa rabia e a nosa indignación. Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?
Venda adiantada de entradas tamén no concello de Teo: A Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo), O Loncho (Casalonga). E na billeteira do auditorio da Ramallosa o día da función desde unha hora antes (10€).





No hay comentarios:
Publicar un comentario